Saturday 11 de May de 2024

Turismo de Galicia reforza a Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago cun novo establecemento no centro de Ourense


A directora de Turismo de Galicia e o alcalde de Ourense visitaron esta tarde o inmoble do futuro albergue de peregrinos, situado no marco do Casco Vello, unha zona estratéxica do centro da cidade

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, visitaron o inmoble do futuro albergue de peregrinos da cidade.

O futuro edificio estará nunha zona estratéxica do centro da cidade, no marco do Casco Vello, entre as Burgas e a propia Praza Maior, a Vía da Prata reforzará a súa infraestrutura e ampliará a oferta da Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago mellorando a capacidade de acollida aos peregrinos.

A creación deste albergue, que leva consigo unha inversión 800.000 euros, constitúe unha mostra máis da firme aposta da Xunta de Galicia por conservar e protexer a Rede Pública de Albergues da Ruta Xacobea. No pasado ano 2014 foron máis de 550.000 euros os invertidos por Turismo de Galicia nos establecementos públicos desta rede do Camiño de Santiago.

En declaracións aos medios, a directora de Turismo de Galicia sinalou que o novo albergue permitirá poñer en valor un edificio histórico en plena cidade e dinamizará a oferta turística da zona.

Así mesmo, Nava Castro destacou que este novo establecemento pertence a rede pública do Camiño e fará de Ourense unha cidade cosmopolita, pois o 52% dos peregrinos que fixeron o Camiño neste ano foron estranxeiros.

A responsable de Turismo da Xunta explicou que na actualidade o Camiño de Santiago conta cun total de 70 albergues públicos ao longo das súas rutas, situándose doce deles na Vía da Prata, nove na provincia de Ourense e tres na provincia de Pontevedra.

Forte incremento de peregrinos
Por outra parte, Nava Castro fixo referencia ao forte incremento de peregrinos que está a experimentar o Camiño de Santiago en todas as súas vertentes.

A directora de Turismo de Galicia afirmou que, no que vai deste ano 2015, chegaron a Santiago de Compostela un total de 249.441 peregrinos, o que supón un incremento do 10,67%.

Segundo asegurou, destes peregrinos un total de 8.769 escolleron a Vía da Prata para chegar a Compostela.